Sunday 05 de May de 2024

Máis de medio milleiro de deportistas participarán esta fin de semana no “Trishark Narón”


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou que esta fin de semana participarán no “Trishark Narón”, máis de medio milleiro de deportistas chegados de diferentes comunidades autónomas do país. A rexedora local presentou o evento, que se desenvolverá na zona do paseo de Xuvia, acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, o presidente da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), Javier Campos; o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, e a triatleta naronesa Sara Guerrero. O Concello organiza esta nova edición do evento, clasificatorio por segundo ano consecutivo para o Campionato de España de Sprint, xunto co Náutico de Narón.
Guerrero explicou que na proba clasificatoria para o citado campionato participarán deportistas dun total de 48 clubs, maioritariamente galegos, entre os que están o Fluvial de Lugo, o Inforhouse de Santiago, e o anfitrión, o Náutico de Narón. Estarán tamén presentes participantes doutras comunidades autónomas, como Diablillos e Marlins, de Madrid; Trotones, de La Rioja; Huracán, de Valencia; AD Sevilla; Geige, de Girona; Katoa, de Barcelona; Jab Triatlón Helios, de Barcelona; Peñota Alusigma, de Portugalete; Saltoki, de Navaarra, e Náutico de Rarecife, de Las Palmas, entre outros.
Este venres, ás 18.50 horas haberá unha proba de acuatlón para as categorías de infantil e cadete e ás 19.20 horas dará comezo a de benxamín e alevín. Trátase dunha proposta pioneira dentro do programa do Trishark Narón, con obxectivo de promocionar este deporte, e na que participarán unha vintena de menores.
O sábado ás 18.40 horas será a saída da proba popular, na que participarán uns 200 deportistas, maioritariamente galegos pero tamén cunha ampla representación foránea, tal e como indicou o presidente da AD Náutico de Narón. Entre estes últimos estarán integrantes do Triatlón Tetuán e As Rozas, de Madrid; de Vetusta, de Oviedo; do Trikua Kirol Elkartea, do País Vasco… A distancia da proba popular será de 750 metros de natación, 18 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira.
A saída da proba de elite masculina será o sábado ás 19.50; ás 20.00 horas terá lugar a da categoría feminina e a entrega de premios, no paseo marítimo de Xuvia, está prevista para as 21.20 horas. Para o Campionato de España os deportistas percorrerán tamén 750 metros de natación e 5 quilómetros de carreira, como na modalidade popular, pero realizarán 22 quilómetros en bicicleta.
O presidente da AD Náutico de Narón avanzou que a naronesa Sara Guerrero e Iratxe Arenal, integrantes do equipo subcampeón de liga, non poderán participar na proba naronesa por estar convocadas coa selección española para acudir ao Campionato de Europa Sprint que se celebra en Balikesir, Turquía.
O presidente da Federación Galega de Tríatlon agradeceu o labor do Concello de Narón e do Náutico de Narón para organizar este evento deportivo e destacou tamén o feito de que este ano se celebre unha proba o venres de acuatlón para fomentar o deporte nas categorías infantil, cadete, benxamín e alevín.
Pola súa banda, dende o Concello, a alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou tamén o traballo realizado dende o Náutico de Narón e o apoio da Fegatri neste evento, xa consolidado na cidade. Así mesmo, desexou moita sortea os deportistas locais en particular e a todas e todos os participantes do resto de clubs en xeral.
Dende o Concello porase en marcha un plan de tráfico específico na zona de Xuvia con motivo deste evento, que estará operativo entre as 18.30 e as 21.00 horas e que implicará unha serie de cortes ao tráfico e desvíos para garantir a seguridade dos deportistas participantes.